8 de novembro de 2014

Este domingo toma a Fracha contra a A-57



A plataforma ‘Salvemos a Fracha’, coa colaboración do colectivo Masa Crítica, convida os pontevedreses a que ‘tomen a Fracha’ o vindeiro domingo 9  de novembro contra o proxecto da autovía A-57 que está a promover o Ministerio de Fomento e que, no seu primeiro tramo, leva por diante o monte da Fracha en terreos dos concellos de Pontevedra e Vilaboa.
O colectivo organiza unha andaina polos montes afectados polo trazado do primeiro tramo da A-57  para chamar a atención sobre o impacto que terá esta infraestrutura no ámbito e nos usos sociais que lle dan os cidadáns e concienciar aos pontevedres de que, en caso de que o proxecto siga adiante, o asfalto e o formigón partirán en dous a Serra da Fracha e ameazarán especies de fauna e flora únicas e en perigo de estinción.
A andaina partirá ás 10.00 horas do lugar de Pintos e terá una duración aproximada de tres horas, nas que os participantes farán un percorrido circular polo monte da racha que rematará arredor das 13.00 horas no mesmo punto de partida. De xeito simultáneo á andaina, Masa Crítica fai un chamamento aos pontevedreses para que tomen a Fracha en bicicleta. Entre os participantes que teñen confirmada asistencia están varios integrantes do grupo local de Greenpeace Pontevedra.
A ruta ten una dificultade media-baixa e está pensada para todos os públicos, ao incluir únicamente un tramo empinado con maior dificultade. Durante o percorrido, os participantes estarán acompañados por veciños do lugar e sendeiristas experimentados e poderán gozar das vistas privilexiadas do monte da Fracha sobre as rías de Pontevedra e Vigo e de paseos por zonas boscosas de grande riqueza paisaxística e natural.
A partir das 13.00 horas, á chegada de todos os participantes, lerase un manifesto reivindicativo para pedir a paralización deste proxecto que pagaremos todos cos nosos impostos mentres o Goberno segue a facer recortes en sectores básicos como a sanidade ou a educación. A continuación, haberá castañas de balde para todos, bebidas quentes e frías e animación musical.
A plataforma quere chamar a atención sobre impacto ambiental moi severo que terá o proxecto, que provocará un deterioro irreparable da contorna de A Ermida, Pintos, Tomeza, Bértola, Figueirido e Vilaboa e a perda de elementos de interese e riqueza patrimonial, así como un impacto paisaxístico difícil de valorar ao longo de todo o trazado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario