9 de novembro de 2014

Manifesto contra a A-57

Dende a plataforma e tamén dende Masa Crítica agradecémosvos a todos que acudirades a esta andaina a pesares do mal tempo. Hoxe, entre todos tomamos a Fracha, e lanzamos unha mensaxe alta e clara de que non queremos a autovía A-57.

Estánnos a vender esta autovía coma se fora unha circunvalación a Pontevedra e non é nada máis que o colmo do despropósito. É  un corredor de catro carrís que unirá Vilaboa e A Ermida sen que os veciños poidan nin entrar nin sair no medio do percorrido.

Non resulta útil para mellorar as comunicacións dos veciños de Pontevedra e Vilaboa nin para facilitar o tráfico de quen queira entrar ou saír. É unha obra do Ministerio de Fomento, pero conta coa complicidade do Concello de Pontevedra e dos tres grupos políticos maioritarios, BNG, PSOE e PP. Todos se unen para unha obra inútil. Pero temos que agradecer o apoio de colectivos como Espazo Ecosocialista, Equo, UPyD, Anova, Nós-UP, Non Crematorios, Podemos, APDR, Vaipolorío, Masa Crítica, a Sociedade Galega de Historia Natural, a ONG Lobo, a Mancomunidade de Comunidades de Montes de Pontevedra, a asociación Monte Pituco, Amigos da Cultura e Comunidades de veciños e de montes de toda a provincia. Esperamos non esquecernos de ningún.

A A-57 non é útil e non é necesaria agora que a Deputación Provincial e o Concello acaban de licitar xa a Ronda Leste, que si que rodea a cidade pola zona leste e mellora o acceso ao Hospital de Montecelo. Sería máis útil para todos que as administracións deixaran de duplicar obras e se xuntaran entre todos para facer unha auténtica circunvalación a Pontevedra entre o Concello, a Deputación e o Ministerio.

A pesares diso, a ministra de Fomento, veciña nosa dende hai décadas, segue empeñada en facernos un agasallo envelenado . Vese que Ana Pastor quere deixar pegada en Pontevedra, pero para iso non vemos necesario invertir 100 millóns de euros neste tramo de 6,4 quilómetros. Serían máis de 1.000 millóns de euros nos 64 quilómetros que tería a A-57 completa se algún día chega a facerse, algo contra o que seguiremos loitando.

É un despilfarro de cartos públicos cando o realmente útil sería liberalizar a AP-9. Sería máis beneficioso para todos e ademáis evitaría un desastre medioambiental. Porque a A-57, si chega a facerse, tería un impacto tan severo no monte da Fracha que se convertería nun desastre para todo o entorno.

Esta serra pola que acabamos de camiñar e pedalear hoxe deixaría de existir tal e como a coñecemos. Non só haberá unha mole de cemento polo medio, senón que desaparecerán os castiñeiros que acabamos de ver, as carballeiras, moitas das plantas e especies de fauna únicas que algúns puidemos gozar esta mañá.

Queremos que sexades conscientes de que aquí mesmo, onde estamos hoxe, vai haber un corte de 60 metros de profundidade e case 100 de ancho.

Esta fermosa paisaxe vai cambiar completamente. O asfalto, o formigón, grandes vigas de cemento partirana en dous e xa non poderemos gozar das vistas das rías de Pontevedra ou Vigo pero tampouco destes montes, destas pistas polas que cada día camiñan, pedalean, montan a cabalo tantos aficionados á natureza.

Levamos dende o mes de abril loitando para que este proxecto se paralice. Antes xa loitaron outros e conseguiron cambiar o trazado. Nós non queremos cambiar o sitio polo que vai a autovía. Nós queremos que non se faga.

É o colmo do despropósito.

É un despilfarro en época de recortes.

É un capricho político ao que os hoxe aquí presentes dicimos non.

Non á A57.

Salvemos a Fracha.
Monte da Fracha, 9 de novembro de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario