21 de febreiro de 2015

UN CLARO NO BOSQUE

Máis infraestruturas de transporte?


A accesibilidade é un ben en si mesmo, canta máis mobilidade mellor, máis infraestruturas de transporte xeran máis benestar. Este esquema cultural é claramente dominante en Galicia (e non só). Durante os últimos 25 anos, políticos de todas as cores, de esquerda ou de dereita, nacionalistas galegos ou españois, colocaron as infraestuturas de transporte entre as súas principais prioridades. O culto a estas infraestruturas segue a ser maioritario entre políticos e xente do común, mais algo semella ter comezado a mudar. Por primeira vez, en varios puntos do país ao mesmo tempo, poboacións locais rexeitan frontalmente novas estradas. E desde diversos ámbitos e por razóns diversas, cuestiónase como nunca antes a promoción de máis infraestruturas de transporte.

Medra a oposición social a novas estradas

Nas últimas décadas, a única infraestutura de transporte obxecto dunha oposición frontal socialmente significativa foi o corredor do Morrazo. A plataforma creada para combatela foi quen non só de organizar un importante protesto social senón tamén de articular un discurso moi sólido a prol da mobilidade sustentábel. Agora unha nova plataforma, en Defensa dos Montes do Morrazo, oponse ao desdobramento do corredor en autovía promovido pola Xunta, e faino desde un enfoque sustentabilista e non apenas centrado nos efectos socioambientais negativos locais, demandando unha consulta cidadá sobre o modelo de mobilidade na comarca. 
imageUn non rotundo a outra autovía é o da plataforma veciñal Salvemos a Fracha, nome da serra que ficaría destruída de se construír o corredor de 6,4 Km proxectado entre A Ermida (Pontevedra) e Vilaboa.  Sería o primeiro tramo da autovía A-57, promovida polo Ministerio de Fomento e concebida como alternativa de balde á autoestrada do Atlántico (AP-9). Unha das accións da plataforma foi abrir unha petición en Change que xa logrou o apoio de máis de 15.000 sinaturas.  Neste caso, a oposición á autovía non vai da man da defensa dun modelo de transporte sustentábel, pois propóñense como alternativas á A-57 a supresión da peaxe da AP-9 e a ampliación, xa prevista, da ponte de Rande, medidas que non contribuirían a unha mobilidade menos insustentábel. A plataforma si fai unha crítica xeral ao impulso de máis infraestruturas de transporte, convidando a reflexionar “sobre o significado do progreso nun país como o noso, onde temos tan poucos espazos protexidos, onde as infraestruturas son iguais ou mellores cás doutros países da UE. Onde seguimos pensando que os Km de asfalto son sinónimo de riqueza” (1).

A supresión da peaxe na AP-9 tamén é a alternativa defendida pola plataforma veciñal Variante Non á construción dunha terceira vía paralela á estrada N-550 e á AP-9 entre Pontecesures e Valga. Rexeitan calquera das variantes propostas, “por todo o dano que fan, porque son innecesarias, e máis nos tempos de recortes que vivimos”.
Tamén hai un certo rexeitamento veciñal á construción da variante que uniría Portosín (Porto do Son) con Noia á altura da nova ponte sobre a ría. Moitos veciños e veciñas consideran que sería un malgasto innecesario que traería moitos prexuízos para a súa calidade de vida. Unha variante que para algúns “achegaría máis a vila mariñeira de Portosín a Marbella”. Un camiño que xa leva medio percorrido. Tamén hai unha petición na rede á que te podes sumar.
Outra plataforma veciñal, Non á A-76  pola Ribeira Sacra, demanda un proxecto alternativo ao trazado previsto para a autovía A-76 (Ourense-Ponferrada) ao seu paso pola Ribeira Sacra “que non afecte ningún núcleo de poboación e que non poña en perigo esta zona de especial fraxilidade paisaxística”, reivindicación que podemos apoiar asinando a petición que crearon. Esta autovía deterioraría gravemente a Ribeira Sacra, impedindo a súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, como manifestaron recentemente os técnicos encargados da preparación da candidatura. A plataforma non entra a valorar a necesidade ou non da autovía, aínda que o tráfico entre Ourense e Ponferrada, duns 5.000 vehículos diarios, non a xustifica. A A-76 tamén afectaría negativamente a Serra da Enciña da Lastra.

O consenso sobre as infraestruturas de transporte debilítase

As voces críticas coa “adición” ás infraestruturas de transporte en Galicia e no Estado español son contadas. Incluso entre as organizacións de defensa ambiental, só algunhas, como Ecoloxistas en Acción, promovendo accións como a campaña  Infraestruturas de transporte e crise, teiman na denuncia permanente das consecuencias negativas da construción masiva de infraestruturas de transporte e do aumento desbocado da mobilidade motorizada. Os imaxinarios colectivos e das institucións sobre o transporte e a mobilidade aférranse aínda á esperanza de retomar canto antes o camiño do crecemento, na crenza de que “máis é mellor”.
Porén, o cuestionamento das infinitas bondades das infraestruturas de transporte non semella xa tan minoritario como era até hai ben pouco tempo. Neste senso, o máis significativo sería o abandono do culto ás infraestruturas de transporte por parte dunha forza política maioritaria, de se confirmaren nas próximas convocatorias electorais os resultados que as enquisas auguran a Podemos, e sempre que este partido mantiver e concretar o sostido no borrador do seu programa económico elaborado por Juan Torres e Vicenç Navarro. O documento propón unha moratoria, sen medo “ao efecto aparentemente negativo no prazo inmediato sobre os indicadores convencionais de crecemento económico”. Sinala que o grande investimento en infraestruturas dos últimos anos “foi a principal fonte de corrupción e de gastos de mantemento desorbitados e sen apenas rendemento social”.
Os “papeis de Bárcenas” apuntan á relación entre  corrupción política e  promoción desmedida de infraestruturas de transporte.

Continuar lendo en Un claro no bosque
en
Praza pública Blogs

Ningún comentario:

Publicar un comentario